viernes, 3 de agosto de 2012

Os Sons da Saudade

O Brixel sofre coa saudade lonxe da terra, lonxe do avesedo a carón de freixos e amieiros, á beira do regato e da frescura da cachoeira de brancas augas. De igual xeito sofre quen se ve na obriga de procurar en terra allea a vida que se lle nega na terra propia.
Moito se ten eiquí falado da capacidade dos nosos irmáns e curmáns de alén do atlántico de conservar as súas raíces musicais. Nun principio amarrándoas coa forza do derradeixo vecello que os xunguía á terra, logo deixandoas voar, mesturarse e evoluir criando novos xeitos e estilos.
Hoxe toca lembrar a aqueles que sucaron o ouceano encadeados nas adegas dun galeón deixando por tras un ronsel de ialmas. Estímase que máis de sesenta millóns de homes mulleres e nenos foron arrincados da súa casa en África e levados a América, Asia ou Europa para seren vendidos coma mercadoría. Máis de dazasete millóns de persoas faleceron durante a travesía. Escravitude debería de ser unha palabra esquecida, mais por mágoa segue a soar el lugares coma Haití, Sudán, India, Mauritania... e en demasiadas ocasións en situacións que temos na porta da casa.
Os sons que chegaron dende África evoluíron de moitos xeitos nos distintos lugares, un bó exemplo desto é Cuba onde algo tiveron que ver tamén os galegos, non hai máis que ler as espléndidas novelas de Miguel Barnet.
Contan que o compañeiro Compay, espertou unha mañá logo de ter escoitando en soños este magnífico tema de melodía que cheira á salitre do caribe Santiaguero e guitarras que se cravan no peito coma agullas de saudade:
A saudade da terra, do ser querido, da liberdade... Ialma de blues.
Robert Johnson, neto de escravos foi un adiantado ao seu tempo, o seu xeito de tocar a guitarra e interpretar a música blues sentou as bases do que logo se daría en chamar rock and roll.