jueves, 17 de octubre de 2013

O meniño Cúchulainn

O neno Cuchulainn, fillo do deus Lugh e da irmá ou filla do rei do Ulster Dectera, amosou as súas capacidades dende idades ben temperás.

Recibiu o nome de Setanta no intre do seu nacemento, mais sendo aínda ben pequeno sucedeu que se entretivo enredando cos outros cativos e cando quixo ir cear á casa do ferreiro Cullan xa era noite. Este soltara xa ao seu xigante can de garda que atacou ao neno para impedirlle o paso á casa. Cando os convidados á cea saíron alarmados polo balbordo atoparon ao meniño cun pé sobre o corpo do can morto.

Ao decatarse o neno de que Cullan o ferreiro se botara a chorar polo seu can ofreceuse el mesmo para gardarlle a casa. Foi entón cando Cathbad o druída do Ulster, que se atopaba entre os convidados á cea, proclamou que o nome do cativo sería dende entón Cu Chulain o que ven sendo O Can de Cullan.
Das moitas máis fazañas e aventuras que viviría Cuchulainn para ao fin morrer mozo loitando contra tres exércitos coa súa lanza Gael Bog na man, falaremos noutras ocasións.

Caoineadh Cu Chulain ou o Laído por Cuchulainn, é un fermoso slow air (o que viría sendo o noso alalá) que aquí vos deixo na interpretación maxistral dun novísimo Davy Spillane para o encete do espectáculo Riverdance.