lunes, 3 de noviembre de 2008

Martyn Bennett

Todos os Santos, Fieis Defuntos ou Samaín, son esas datas que os galegos levamos tan dentro nas que a estreitísima liña que separa ás (Coma diría o amigo Chao Rego) parroquias dos vivos e dos mortos se fai permeábel. Nestas datas os nosos antergos asaban castañas coa convición de que por cada bulló que estouraba no lume unha ialma evoluía cara un mellor estado na eternidade.

Na noite do Samaín lembramos aos nosos finados e sentímonos un pouquiño máis perto deles. Así imos hoxe rendirlle fonda homenaxe ao gaiteiro Martyn Bennet tristemente finado un 30 de xaneiro de 2005 á idade de 33 anos.

Fillo dunha familia de escoceses emigrados ao Canadá, herdou da súa nai, coñecida cantante folk, a paixón pola música e o uso do gaélico, con seis anos retornou a escocia onde estudou gaita e logo violín e composición no conservatorio de Edimburgo. En 1994 publicou o seu primeiro disco que fixo tremer os piares da música celta polo altísimo grao de innovación con temas coma este:




As súas profundas bases musicais e o seu virtuosismo con gaita e violín permitíronlle chegar dende as pistas de baile dos máis modernos clubs dance, coma co seu disco Hardland xunto ao DJ Martin Low, até o purismo da tradición coma no disco Glen Lyon que gravou coa súa nai Margaret.

Todo un xenio da música e amante da tradición que nos deixou parte do seu talento plasmado nos seus magníficos traballos. Hoxe queremos lembrar o seu talento unha vez máis interpretando a smallpipes ao xeito tradicional e lanzar un aturuxo que chegue até o alén: Martyn Bennett Pelikeiro !!