viernes, 18 de enero de 2013

Sobre a matemática, a música e a soberanía alimentar

Se a matemática é algo natural ou foi creada polo home para explicarmos a nosa percepción do entorno é un tema que foi longamente discutido. Parece que xa os antigos gregos deran coa chave para saírmos das dúbidas, e esa chave atopábase no número φ (fi, número de ouro, deviña proporción...), descuberto coma relación de proporción entre segmentos de rectas. Resulta que a devandita proporción aparece tanto en figuras xeométricas coma en formacións naturais, dende a distribución de follas nunha galla até cunchas de moluscos. Pois ben, fi tamén aparece na música (que coma todos sabemos é irmá da matemática), de xeito que o propio valor de fi, que comeza con 1.61803398874989484820458683436563811772 e non remata nunca, tamén se pode interpretar coma unha partitura co resultado que podedes escoitar. Total, que poderíamos dicir que se a matemática provén da natureza, a música tamén. Isto non semella estraño á vista do sentido do ritmo e da afinación da xente que vive nas sociedades apegadas á terra, facendo parte da natureza. Semella que nas nosas sociedades “desenvolvidas” perdemos ese innato sentido musical conforme nos imos alonxando da terra. Este alonxamento podémolo entender dun xeito figurado (actividades humanas que prexudican ao equilibrio do planeta) ou dun xeito literal: canta xente hai que pasa a maior parte dos seus días sen pisaren a terra? Sempre sobre pavimentos que nos illan de gaia, que non nos deixan sentirmos a tomar parte dunha enerxía, dun megaorganismo do que todos somos células (por mágoa algunhas cecais canceríxenas). Neste contacto coa terra xoga un papel fundamental a alimentación, ou mellor dito, a capacidade de producirmos os nosos propios alimentos. Isto que se da en chamar soberanía alimentar e que amáis de engadir un grao de liberdade ás nosas vidas danos a oportunidade de metermos as mans na terra, dito dun xeito literal pero tamén figurado.