lunes, 10 de agosto de 2009

MERCEDES PEÓN: Un Saúdo Para Alá

O Brixel é árbore de sombra, medra dereito en cabancas escuras, en terras húmidas, baixo os bidos, freixos e amieiros, aproveitando o pouco sol que traspasa a folla destes. O Brixel é planta humilde non pretende quen o gave mais recoñece o mérito alleo alén do próprio.

O Brixel sábese na súa terra, fortes raíces fincan o seu modesto tronco no chan ao tempo que as finas gaias o vencellan co ar xunguindo o seu cerne ao espírito do seu pobo é por iso que ao Brixel non o incomodan sementes alleas que agroman ao seu carón. O Brixel defende o dereito á diversidade das culturas dentro da universalidade do xénero humano. O Brixel non entende as leis dos homes, non entende ,por exemplo, que un home poida ser ilegal.



Mensaxe recibida, alto e claro: Un saúdo aos galegos do mundo, e o noso agradecemento por saberen conservar a nosa cultura alén da nosa terra, un saúdo tamen e a nosa benvida aos novos galegos que naceron lonxe da nosa terra pero que quixeron vir a compartir a vida con nós.

Un saúdo tamén e toda a nosa admiración vaia para a compañeira Mercedes Peón. A súa arte agroma do corazón da nosa terra, do máis profundo da tradición, para florecer en eidos distantes e actuais; a súa voz, mesta de sentimentos pálpase no ar e estrálanos contra o peito facendo que a mesma ialma se resinta dunha dor vella, enquistada de aldraxes e dunha ledicia doce de seráns e fiadeiros.

No hay comentarios: