martes, 24 de septiembre de 2013

Serous transatlanticos

Xa longamente temos falado das relacións entre as nosas músicas e as dos nosos curmáns de alén do atlántico. Toca agora tirar a destaque unha iniciativa dos nosos irmáns do norte para achegárense aínda máis, botar unha alancada e deixar un pé en cada beira. A esta alancada, que foi organizada polas cadeas de televisión BBC4, BBC Scotland e RTE (Tv pública irlandesa), puxéronlle o nome de "Trasatlantic Sessions". A idea consistiu na realización de encontros entre recoñecidos intérpretes de música celta de Irlanda e Escocia con outros non menos recoñecidos da que se deu en chamar Americana music (Bluegrass, Country, Hillbily...). Pois ben, como é que "cada animal coñece ao seu igual" logo xurdiu a maxia. Velaquí un exemplo da fermosa mistura entre música celta e bluegras (o que ven sendo coma xuntar a nai e maila filla) da man de Dan Tyminski (Guitarra e voz), Michael McGoldrick (Frauta irlandesa) e o mestre do dobro Jerry Douglas entre outros xenios. E a drede deixei para o remate o bocado máis doce: O mestre da gaita irlandesa Ronan Browne dirixindo unha autentica liturxia musical. Así que fóra luces, fitemos cara dentro e deixémonos aboiar até fundirmos co espírito da nai...

viernes, 20 de septiembre de 2013

Das feridas do pasado ao futuro primitivo

Nada conhezo de Marcos Lourenzo agás este relatório. A súa análise da Galiza actual é lúcida e directa coma uma frecha que afonda no albo do espírito que nos define coma pobo. A súa mensaxe cheganos cun aquel de lembranza, a da verdade esquecida, amais do recendo dese futuro primitivo ao que moitos temen e algúns desexamos... Dinos o autor:
"De pequeno eu vivía na Coruña. Ou mellor dito, sobrevivía na cidade, sometido a unha especie de estado de excepción, coma un intruso agochado nas marxes dun territorio estraño. Fun o último de tres irmáns e o primeiro en nacer na urbe. Pertenzo logo á primeira xeración urbana dunha familia de inmigrantes..."
Eiquí tedes o texto completo e unha boa banda sonora