miércoles, 24 de diciembre de 2008

Brixel. Polos Carreiros da Lembranza

Como xa quedou dito, o grupo de música tradicional Brixel ofreceu unha nova actuación na casa da cultura de Verín o pasado 5 de decembro. Aquí tedes a primeira entrega:
A peza que interpretan é a Danza de Cádavos, concello de A Mezquita. Esta danza que se bailaba na festa do Corpus deixouse de interpretar coa guerra civil, constaba de dúas partes, unha de paus e outra de cintas. A que interpretou brixel é a de cintas que tamén se divide en tres partes, a primeira é "a venia" na que os danzantes se axeonllaban nove veces pedindo licenza para escomezar a danza, a segunda a ritmo de valse é a danza propia na que trenzaban as cintas e a terceira a ritmo de carballesa é a contradanza na que se desfaría o trenzado.

martes, 16 de diciembre de 2008

Brixel en Concerto

O venres día 5 de decembro, dentro do ciclo musical Músicas Raianas, Brixel presentou o seu espectáculo "Polos Carreiros da Lembranza" na casa da cultura de Verín.

lunes, 3 de noviembre de 2008

Martyn Bennett

Todos os Santos, Fieis Defuntos ou Samaín, son esas datas que os galegos levamos tan dentro nas que a estreitísima liña que separa ás (Coma diría o amigo Chao Rego) parroquias dos vivos e dos mortos se fai permeábel. Nestas datas os nosos antergos asaban castañas coa convición de que por cada bulló que estouraba no lume unha ialma evoluía cara un mellor estado na eternidade.

Na noite do Samaín lembramos aos nosos finados e sentímonos un pouquiño máis perto deles. Así imos hoxe rendirlle fonda homenaxe ao gaiteiro Martyn Bennet tristemente finado un 30 de xaneiro de 2005 á idade de 33 anos.

Fillo dunha familia de escoceses emigrados ao Canadá, herdou da súa nai, coñecida cantante folk, a paixón pola música e o uso do gaélico, con seis anos retornou a escocia onde estudou gaita e logo violín e composición no conservatorio de Edimburgo. En 1994 publicou o seu primeiro disco que fixo tremer os piares da música celta polo altísimo grao de innovación con temas coma este:




As súas profundas bases musicais e o seu virtuosismo con gaita e violín permitíronlle chegar dende as pistas de baile dos máis modernos clubs dance, coma co seu disco Hardland xunto ao DJ Martin Low, até o purismo da tradición coma no disco Glen Lyon que gravou coa súa nai Margaret.

Todo un xenio da música e amante da tradición que nos deixou parte do seu talento plasmado nos seus magníficos traballos. Hoxe queremos lembrar o seu talento unha vez máis interpretando a smallpipes ao xeito tradicional e lanzar un aturuxo que chegue até o alén: Martyn Bennett Pelikeiro !!

viernes, 31 de octubre de 2008

HOXE REPINICA AS CHOCAS: DON PERFECTO FEIJOO

Mención e reverencia merece a lembranza deste home, boticario de Pontevedra quen en tempos nos que a nosa música era desprezada polas clases acomodadas soubo ver nela o seu verdadeiro valor e empregar a súa posición social para dignificala.

A súa gaita, hoxe conservada no museo de Pontevedra foi construída polo seu mestre, D. Manuel Villanueva gaiteiro de Poio. Con ela interpreta a peza que soa no video, as imaxes que acompañan ilustran parte do que foi o seu traballo a prol da nosa música e cultura.

No ano 1883 fundou o coro galego Aires da Terra co que en 1904 graba o que sería o primeiro disco da música galega.

Por todo isto e por máis cousas merece subir hoxe á picota D. Perfecto Feijoo que na súa lembranza soen as chocas dos peliqueiros.


martes, 5 de agosto de 2008

Linda ao Norte con Irlanda Mar por Medio.

Hai que ver o grao de perfección que se consegue nun instrumento con traballo e paciencia. Deso poden falar moito os nosos veciños irlandeses, logo de persecución e séculos de prohibición tiveron que abandoar a súa gaita tradicional (semellante á Great Hihgland Bagpipes escocesa) e inventar unha gaita de salón menos escandalosa e doada de tocar na clandestinidade. Así naceu a gaita irlandesa ou The Uilleann Pipes, o que traducido á lingua de Castelao viría a ser a "gaita de cóbado" (uilleann en gaélico).

Pois sí amiguiños, inventaron esta gaita e non de calquer xeito; deron en crear o instrumento máis completo dentro do amplo mundo das cornamusas, cun punteiro con capacidade para dúas oitavas completas diatónicas, ou cromáticas co engadido de catro chaves, sete roncos e un sistema de válvulas que lles permiten acompañar á melodía cos acordes dos bordóns.

Dise que para controlar a uillean pipes cómpren 21 anos: 7 de aprendizaxe, 7 de ensaio e 7 de prática. A verdade é que se eso non é certo, alomenos pareceo vendo tocar a gaiteiros coma Tiarnan Ó Duinnchinn Ahí queda eso, para quen lle poda interesar. A ver se eso que se puña nas hijuelas das fincas na costa norte da nosa terra "Linda ao Norte con Irlanda, mar por Medio" se fai bó e se nos pega algo.

miércoles, 30 de julio de 2008

Coidado coa recacheira nas tardes de verán

O Brixel sofre no verán, é unha planta de umbría que gosta da humidade e da frescura dos regatos e cabancas. A recacheira destas tardes de xullo queimalle a casca e secalle as follas. O Brixel precisa de sombra.

miércoles, 23 de julio de 2008

Onde a herba é azur

Éche ben certo que non hai ida sen volta. Moitos foron os músicos galegos que chegaron ás Américas á procura de vida, uns poucos chegaron a triunfar (coma Manuel Dopazo na Arxentina, que acadou sona e prestixo social chegando a aparecer en producións cinematogáficas da época), os máis perderonse no esquenzo.

Digo que se perderon no esquenzo os músicos, a súa identidade, mais non así a súa contribución ao espallamento da nosa música. Hoxe en día a música galega está viva en países coma Arxentina, Venezuela, Cuba....

Na América do norte os músicos galegos fixeron corpo cos chegados doutros países Europeos: Antonio Mosquera de Sada emigrou a Nova Iorque coa súa gaita alí formou unha banda con músicos de Irlanda e Escocia coa que editou dous discos ("Juerga Gallega" e "Parranda Gallega"), chegando mesmo a actuar perante do presidente Kennedy.

Esa xente deixou a súa pegada e hoxe estilos musicais coma o Country ou o Bluegrass chegannos de volta e fannos maxinar a Domingos Ferreiro o gaiteiro de Texas interpretando no Saloon o "Oh Susana" namentres Wyatt Earp, Doc Holliday, Billy o neno ou algún da mesma caste bota man ao colt.

Aquí tedes unha mostra do que vos falaba: queda nomeada pelikeira de hoxe e sube a picota sen perder o ritmo nin descoidar o xeito Sierra Hull, nena prodixio do Bluegrass despuntou coa súa mandolina antes case de saber falar. No video toca a guitarra (e cómo toca...) xunto á mandolina de carl berggren nun ensaio. Pelikeira!

martes, 22 de julio de 2008

Chernobyl na lembranza

Convén non esquecermos nunca o suceso de Chernobyl, o que alí realmente pasou cecáis nunca se saberá, mais as súas repercusións estamos a sufrilas día a día (a nube radioactiva percorreu todo o planeta).

Cousas coma esta deberían facer que nos plantexáramos cara onde vai a nosa sociedade e cal é o verdadeiro progreso.

Este exercicio de reflexión debería ser iniciado polos chamados dirixentes mundiais, os que realmente teñen poder para cambiar a situación. Non vaia ser que o avanzo do progreso sexa coma unha goma elástica que estirada até o seu límite retorne logo coa forza mutiplicada para baternos na faciana.

Vai hoxe toda a miña admiración para Michael Ferry, nada sei del amais de que compuxo esta preciosa peza de nome Farewell to Chernobyl, sexa hoxe para él toda a sombra do Brixel, que o libre da recacheira desta quente tarde de vrau.



viernes, 18 de julio de 2008

"Con el Clero hemos Topado"

Hoxe que salta aos medios (Noticias de verán) un frade italiano que se adica ao heavy metal ,a verdade é que ten coña o conto.

E agora vou eu e contraataco (Ao montón que poucos son) e tiro de video para amosar a outro pater que lle pega á música. Neste caso ao whistle, no video interpreta dous reels (nada que ver cos rils encebolados, nin co "doa os teus rils" de Reixa) pero hai que ver cómo lle pega o fulano.

Resumindo, xa se sabe o dito "A Deus pregando pero música tocando".

martes, 11 de marzo de 2008

Hoxe na picota: Jimi Hendrix

Outro que se fora da terra daba un bó pelikeiro. Unha besta con xenio pra botar ás rapaniñas. O amigo Hendrix marcou un fito na música moderna, sen esquencer a tradición.

Ao igual que o brixel fincou as súas raíces (que dan alimento e sostén) no fértil chan da tradición (iniciouse no Blues e no Soul) e tamén ao igual que o Brixel botou gromos cara ao ceo da modernidade.

Algúns dos seus temas (gravados nos sesenta) apuntan as tendencias do que hoxe son considerados os estilos musicais máis modernos (Funky, Hip-Hop...).

Nado en Seatle logo de tocar en moitos grupos nos USA consolidouse coma o xenio que era en Londres onde formou o seu grupo máis coñecido: "The Jimi Hendrix Experience" xunto ao baixista Noel Redding e o batería Mitch Mitchell.

Logo chegou o éxito, primeiro en Europa e despois na súa terra natal, eran tempos de sicodelia, de novas liberdades e de excesos.

Seguindo a máxima que dí "Vive rápido e morre novo para deixar un bonito cadavre1" Jimi morreu en circunstancias pouco claras o 18 de setembro do 1970 nacía así un dos mitos do noso tempo.

jueves, 6 de marzo de 2008

O Verín de antano

Hai algún tempo que por causalidade atopei este video no youtube. Foi feito para o NO-DO e nel amósase un Verín que era exemplo para o resto de vilas, cuns balnearios aos que acodían agüistas dende lonxanas terras, onde os canteiros construían edificacións acordes co entorno, no que a estrada xeral estaba abeirada de árbores baixo os cales se podía un sentar nunha terraza a desfrutar do fresco e tomar un viño.

Ónde quedou eso? Ónde o perdemos? hoxe Verín ten edificios sen xeito, un río canalizado, un feixe de rúas nas que nunca dá o sol... e seguimos "rehabilitando rúas": tirando casas con historia para facer pisos e trocando pedra por formigón. Nesto todos somos responsables os que fan e os que calan.

martes, 4 de marzo de 2008

Máis de Brixel

Semella que a primavera adiantousenos, os gromos xa abroian nas gaias peladas dos freixos, e as mimosas alumean os outeiros con lámpadas de sódio (s.a.p.).

O brixel non quere ser nin máis nin menos que ninguén e tamén se bota a medríos temperáns, así co peito por diante, sen medo. Xa logo haberá tempo de laiarse dos estragos da xeada.

Así cantaba Maín o bardo nas brancas cumes do Larouco:

A vida e o de hoxe,
o que teña que vir virá,
do que xa levo no lombo
ninguén me pode privar.

lunes, 3 de marzo de 2008

Concerto de Brixel en Xinzo

Este é o cartaz, aínda inédito, do concerto de Xinzo da Limia.

viernes, 29 de febrero de 2008

Videos de Brixel no Youtube

Esto de youtube é unha pasada, penduras un video e nunca sabes ónde pode rematar. Eu pendurara un video dos Remudes (Sonado grupo de gaiteiros verineses "Os Remudes da Paneira") tocando en Vilanova dos Infantes na romaría Raigame do 2006 e a verdade é que xa case que o esquecera; pois ben funo mirar logo de once meses e tivera 462 visitas e estaba vencellado a oito páxinas web. Pareceume fantástico.

jueves, 28 de febrero de 2008

Presentación do Gupo Brixel

O grupazo de música tradicional galega BRIXEL apresentouse ao fin nun concerto en Verín.