martes, 24 de marzo de 2009

FONTE DO ARAÑO... Emilio Cao



Fonte do araño onde eu de rapaz... e o vento asubiando. Qué peza inesquecible, coma tantas do amigo Cao un verdadeiro xigante da música galega aínda non ponderado en toda a súa dimensión.



E qué podemos dicir desta versión da pandeirada de nebra na que as finísimas notas da a arpa se nos meten polo peito até espetarse na propia ialma. Estes son os sons que agroma da terra naturais como a herba e sorpréndennos coa súa sinxeleza. Pónselle o coiro de pita a calquera que posúa un mínimo de sensibilidade.

Por todo isto e moito máis rendimos hoxe unha sentida homenaxe ao mestre Emilio Cao. Na súa honra repiniquen hoxe as chocas.

Veña todos xuntos!!: Yo quiero se Emilio Cao!

martes, 3 de marzo de 2009

Adeus Entroido! Até pro ano!

Rematou o entroido, alá vai xa falta menos para o vindeiro ano. A todos nos deixou un gosto doce nos beizos. Días de descontrol e badana. As zamarras racharon de bourar nos parroquianos, mais tiñan reposto. Cigarróns e peliqueiros camparon nas rúas e prazas por tres días.





Moito ollo! nada que ver cos do desfile.

miércoles, 24 de diciembre de 2008

Brixel. Polos Carreiros da Lembranza

Como xa quedou dito, o grupo de música tradicional Brixel ofreceu unha nova actuación na casa da cultura de Verín o pasado 5 de decembro. Aquí tedes a primeira entrega:
A peza que interpretan é a Danza de Cádavos, concello de A Mezquita. Esta danza que se bailaba na festa do Corpus deixouse de interpretar coa guerra civil, constaba de dúas partes, unha de paus e outra de cintas. A que interpretou brixel é a de cintas que tamén se divide en tres partes, a primeira é "a venia" na que os danzantes se axeonllaban nove veces pedindo licenza para escomezar a danza, a segunda a ritmo de valse é a danza propia na que trenzaban as cintas e a terceira a ritmo de carballesa é a contradanza na que se desfaría o trenzado.

martes, 16 de diciembre de 2008

Brixel en Concerto

O venres día 5 de decembro, dentro do ciclo musical Músicas Raianas, Brixel presentou o seu espectáculo "Polos Carreiros da Lembranza" na casa da cultura de Verín.

lunes, 3 de noviembre de 2008

Martyn Bennett

Todos os Santos, Fieis Defuntos ou Samaín, son esas datas que os galegos levamos tan dentro nas que a estreitísima liña que separa ás (Coma diría o amigo Chao Rego) parroquias dos vivos e dos mortos se fai permeábel. Nestas datas os nosos antergos asaban castañas coa convición de que por cada bulló que estouraba no lume unha ialma evoluía cara un mellor estado na eternidade.

Na noite do Samaín lembramos aos nosos finados e sentímonos un pouquiño máis perto deles. Así imos hoxe rendirlle fonda homenaxe ao gaiteiro Martyn Bennet tristemente finado un 30 de xaneiro de 2005 á idade de 33 anos.

Fillo dunha familia de escoceses emigrados ao Canadá, herdou da súa nai, coñecida cantante folk, a paixón pola música e o uso do gaélico, con seis anos retornou a escocia onde estudou gaita e logo violín e composición no conservatorio de Edimburgo. En 1994 publicou o seu primeiro disco que fixo tremer os piares da música celta polo altísimo grao de innovación con temas coma este:




As súas profundas bases musicais e o seu virtuosismo con gaita e violín permitíronlle chegar dende as pistas de baile dos máis modernos clubs dance, coma co seu disco Hardland xunto ao DJ Martin Low, até o purismo da tradición coma no disco Glen Lyon que gravou coa súa nai Margaret.

Todo un xenio da música e amante da tradición que nos deixou parte do seu talento plasmado nos seus magníficos traballos. Hoxe queremos lembrar o seu talento unha vez máis interpretando a smallpipes ao xeito tradicional e lanzar un aturuxo que chegue até o alén: Martyn Bennett Pelikeiro !!

viernes, 31 de octubre de 2008

HOXE REPINICA AS CHOCAS: DON PERFECTO FEIJOO

Mención e reverencia merece a lembranza deste home, boticario de Pontevedra quen en tempos nos que a nosa música era desprezada polas clases acomodadas soubo ver nela o seu verdadeiro valor e empregar a súa posición social para dignificala.

A súa gaita, hoxe conservada no museo de Pontevedra foi construída polo seu mestre, D. Manuel Villanueva gaiteiro de Poio. Con ela interpreta a peza que soa no video, as imaxes que acompañan ilustran parte do que foi o seu traballo a prol da nosa música e cultura.

No ano 1883 fundou o coro galego Aires da Terra co que en 1904 graba o que sería o primeiro disco da música galega.

Por todo isto e por máis cousas merece subir hoxe á picota D. Perfecto Feijoo que na súa lembranza soen as chocas dos peliqueiros.


martes, 5 de agosto de 2008

Linda ao Norte con Irlanda Mar por Medio.

Hai que ver o grao de perfección que se consegue nun instrumento con traballo e paciencia. Deso poden falar moito os nosos veciños irlandeses, logo de persecución e séculos de prohibición tiveron que abandoar a súa gaita tradicional (semellante á Great Hihgland Bagpipes escocesa) e inventar unha gaita de salón menos escandalosa e doada de tocar na clandestinidade. Así naceu a gaita irlandesa ou The Uilleann Pipes, o que traducido á lingua de Castelao viría a ser a "gaita de cóbado" (uilleann en gaélico).

Pois sí amiguiños, inventaron esta gaita e non de calquer xeito; deron en crear o instrumento máis completo dentro do amplo mundo das cornamusas, cun punteiro con capacidade para dúas oitavas completas diatónicas, ou cromáticas co engadido de catro chaves, sete roncos e un sistema de válvulas que lles permiten acompañar á melodía cos acordes dos bordóns.

Dise que para controlar a uillean pipes cómpren 21 anos: 7 de aprendizaxe, 7 de ensaio e 7 de prática. A verdade é que se eso non é certo, alomenos pareceo vendo tocar a gaiteiros coma Tiarnan Ó Duinnchinn Ahí queda eso, para quen lle poda interesar. A ver se eso que se puña nas hijuelas das fincas na costa norte da nosa terra "Linda ao Norte con Irlanda, mar por Medio" se fai bó e se nos pega algo.