miércoles, 27 de marzo de 2013

Barney McKenna, na nosa lembranza

A piques de chegarmos ao día no que se cumpre un ano do seu pasamento imos lembrar ao grandísimo músico Barney McKenna. Coñecido pola maioría coma virtuoso do banjo tenor na banda "The Dubliners" coa que acadou éxito mundial.
Xunto co seu amigo Tony McMahon (do que xa temos falado) percorreu Irlanda e outros lugares na procura dos músicos tradicionais. Aquí podemolos ver no programa da RTÉ "The Green Linnet" de 1978, un magnífico traballo de valorización da música tradicional irlandesa nun intre no que o mal entendido progreso estaba a isolala nas aldeas e entre a coñecida coma "Travelling people".
O caracter de Barney, que era quen de por o soriso nos beizos de todos os que atopaba, foi o contrapunto ideal do reflexivo e didáctico McMahon.
No ano 2006 a televisión pública irlandesa RTÉ emitiu un documental conmemorativo do 20 aniversario da gravación do programa: The Green Linnet Remembered.
Hoxe, baixo esta chuvia perenne soan as chocas pra lembrarmos a Barney McKenna. Que as escoite dende as illas das mazairas que se atopan alén da brétema co banjo nunha man e unha pinta na outra.

viernes, 18 de enero de 2013

Sobre a matemática, a música e a soberanía alimentar

Se a matemática é algo natural ou foi creada polo home para explicarmos a nosa percepción do entorno é un tema que foi longamente discutido. Parece que xa os antigos gregos deran coa chave para saírmos das dúbidas, e esa chave atopábase no número φ (fi, número de ouro, deviña proporción...), descuberto coma relación de proporción entre segmentos de rectas. Resulta que a devandita proporción aparece tanto en figuras xeométricas coma en formacións naturais, dende a distribución de follas nunha galla até cunchas de moluscos. Pois ben, fi tamén aparece na música (que coma todos sabemos é irmá da matemática), de xeito que o propio valor de fi, que comeza con 1.61803398874989484820458683436563811772 e non remata nunca, tamén se pode interpretar coma unha partitura co resultado que podedes escoitar. Total, que poderíamos dicir que se a matemática provén da natureza, a música tamén. Isto non semella estraño á vista do sentido do ritmo e da afinación da xente que vive nas sociedades apegadas á terra, facendo parte da natureza. Semella que nas nosas sociedades “desenvolvidas” perdemos ese innato sentido musical conforme nos imos alonxando da terra. Este alonxamento podémolo entender dun xeito figurado (actividades humanas que prexudican ao equilibrio do planeta) ou dun xeito literal: canta xente hai que pasa a maior parte dos seus días sen pisaren a terra? Sempre sobre pavimentos que nos illan de gaia, que non nos deixan sentirmos a tomar parte dunha enerxía, dun megaorganismo do que todos somos células (por mágoa algunhas cecais canceríxenas). Neste contacto coa terra xoga un papel fundamental a alimentación, ou mellor dito, a capacidade de producirmos os nosos propios alimentos. Isto que se da en chamar soberanía alimentar e que amáis de engadir un grao de liberdade ás nosas vidas danos a oportunidade de metermos as mans na terra, dito dun xeito literal pero tamén figurado.

martes, 6 de noviembre de 2012

Sempre cara adiante, co pé que non é...

Ou "wrong foot forward" coma ten por título a canción dos enormes FLOOK Vénseme a cabeza a frase do poeta "Un paso adiante e dous atrás, Galiza avanza". O certo e que ao marxe do título o tema ten o aquel de levarnos a outro sitio, outro tempo, outra dimensión. Mais como seguramente ao rematarmos de ouvilo seguiremos a estar no mesmo lugar (aínda que uns 5,37 minutos máis tarde) e hai risco de xeadas imos entrar en calor cun pouco de lume...

viernes, 3 de agosto de 2012

Os Sons da Saudade

O Brixel sofre coa saudade lonxe da terra, lonxe do avesedo a carón de freixos e amieiros, á beira do regato e da frescura da cachoeira de brancas augas. De igual xeito sofre quen se ve na obriga de procurar en terra allea a vida que se lle nega na terra propia.
Moito se ten eiquí falado da capacidade dos nosos irmáns e curmáns de alén do atlántico de conservar as súas raíces musicais. Nun principio amarrándoas coa forza do derradeixo vecello que os xunguía á terra, logo deixandoas voar, mesturarse e evoluir criando novos xeitos e estilos.
Hoxe toca lembrar a aqueles que sucaron o ouceano encadeados nas adegas dun galeón deixando por tras un ronsel de ialmas. Estímase que máis de sesenta millóns de homes mulleres e nenos foron arrincados da súa casa en África e levados a América, Asia ou Europa para seren vendidos coma mercadoría. Máis de dazasete millóns de persoas faleceron durante a travesía. Escravitude debería de ser unha palabra esquecida, mais por mágoa segue a soar el lugares coma Haití, Sudán, India, Mauritania... e en demasiadas ocasións en situacións que temos na porta da casa.
Os sons que chegaron dende África evoluíron de moitos xeitos nos distintos lugares, un bó exemplo desto é Cuba onde algo tiveron que ver tamén os galegos, non hai máis que ler as espléndidas novelas de Miguel Barnet.
Contan que o compañeiro Compay, espertou unha mañá logo de ter escoitando en soños este magnífico tema de melodía que cheira á salitre do caribe Santiaguero e guitarras que se cravan no peito coma agullas de saudade:
A saudade da terra, do ser querido, da liberdade... Ialma de blues.
Robert Johnson, neto de escravos foi un adiantado ao seu tempo, o seu xeito de tocar a guitarra e interpretar a música blues sentou as bases do que logo se daría en chamar rock and roll.

miércoles, 8 de febrero de 2012

Tua nai é Meiga

Cheira ao entroido.
Nestas datas a man busca a zamarra e o lombo pide chocas.
Nestas datas o frío siberiano (ou o tío severiano) fica fora. Illado, o peliqueiro só sinte o lume da caldeira que leva dentro do peito.

Nestas datas cómpre achegarse a carón doutro lume. O lume na palleira ou o lume na palleta destes rapaces cos que o mesmo Tristan Tzara se vería identificado. O proprio nome do cuarteto: Canle Dadá traenos lembranzas das avangardas; principiaba o século vinte e Manoel Antonio, "lirionauta" rianxeiro das ciencias exactas, trazaba caligramas a bordo do Constantino Candeira.

En terra, ao lonxe, podería soar algo así:

viernes, 15 de abril de 2011

Libeliñas e gaiteiros



Compañeiras do brixel que na súa estaticidade vexetal fita con envexa o seu voo e brincadeiras. Evocan en nós unha infancia ribeirá; imaxes oníricas filmadas co filtro verde das frondas de amieiros. Raiolas que traspasan a teitume por riba da branca cachoeira que enche a paisaxe co seu bruar.

O imaxinario popular viu na forma dos gaiteiros a metáfora do son querido: O instrumento máis noso no seu abdome a xeito de ronco.



Pois veña unha de gaiteiros, gaiteirazos, Noitarega:

viernes, 1 de octubre de 2010

KLEZMER

Moito temos eiquí falado das músicas de mixtura, raianas no tempo e no espazo. A Nosa música, a música tradicional galega, e unha delas con influencias atlánticas, mediterráneas e até caribeñas de xentes que viñeron e foron, tocaron, cantaron e escoitaron.

Mais se hai un pobo que non raia con niguén, maiormente porque pasou por todos os pobos e culturas e non ten influenzas de ninguén porque todas as outras culturas sonlle própias e alleas a un tempo é o pobo xudeu (tamén o cigano pero del xa falaremos noutro intre). Pois ben, os xudeus logo de tempos de peregrinaxe foron engadindo pingas das músicas das terras que percorreron sobre a súa própia e dahí ven o que hoxe coñecemos coma música klezmer.

Tamén é de admirar a capacidade deste pobo que tanto padeceu ao longo dos anos para celebrar, proba delo é a ledicia que desprenden estes sons: